martes, 17 de xuño de 2025

Un libro moi noso: «Pandeireteiras»

O pasado mércores 11 realizouse no noso Fogar a presentación do libro Pandeireteiras (edicións Embora), unha obra da autoría de Xosé Manuel e Icía Varela (texto) e de Nerea Gómez (ilustración), que nos achega de forma amena e didáctica á figura das homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas. Un libro realmente fantástico!

Ademais dos autores e da ilustradora, no acto participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rafael Casás, director xeral do Fogar, Marcos Díaz, director pedagóxico, e Andrés García Vilariño, sacerdote e escritor vinculado ao Fogar desde os catro anos. 

Foi un encontro ben lucido, pois á parte de escoitar as diferentes intervencións, puidemos gozar da arte musical de Icía Varela, que intepretou, co axuda do público, varias cantigas das pandeireteiras de Cerceda, Mens e Muxía. 




xoves, 12 de xuño de 2025

A Foliada das Letras, todo un éxito!

 
 
O pasado mércores 14 de maio celebramos, no marco das actividades da Semana das Letras Galegas, a nosa primeira Foliada das Letras. Un encontro co que queremos facer patente, dun xeito festivo, o compromiso do Fogar coa nosa lingua e coa nosa cultura. E foi todo un éxito!

Foron moitas as familias que se achegaron ao centro para celebrar unha tarde de música, baile, merenda e, sobre todo, moita alegría. Gran parte do éxito debémosllo ao grupo Pesdelán que souberon animar o publico, facendo que pequenos e maiores non parasen de bailar. Gozamos ademais coas actuacións das nosas padeireteiras e do maio preparado polo alumnado de Infantil. Parabens tamén aos presentadores do acto: Sabrina Varela e Nicolás Barro, un gran traballo!

Este vídeo resumo foi elaborado por Ainara Sánchez, Nicolás Barro e Adriana Picallos. E contou coas imaxes e gravacións dun bo número de compañeiros e compañeiros que tamén asistiron á Foliada.

Agardamos repetir co mesmo éxito ou máis o curso que vén. Moitas grazas a todos!

mércores, 4 de xuño de 2025

Encontro con Paula Carballeira

Hoxe, mércores 4 de xuño, tivemos a sorte de contar coa presenza de Paula Carballeira. Un encontro realmente agardado con impaciencia polo alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO, que leran nos meses anteriores as súas obras Wombo Combo e Trece avisos, respectivamente. 

Paula, contacontos, escritora e actriz, demostrou as súas táboas contándonos de forma moi amena como xurdiron estas dúas obras súas. Os rapaces tiveron a oportunidade de facerlle diversas preguntas e mesmo pegaron algún chimpo nas súas cadeiras cun conto de terror! 

Todo un privilexio contar con esta autora que recentemente foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática e ten obras traducidas ao portugués, ao castelán, ao éuscaro, ao catalán, ao inglés, ao italiano... Grazas, Paula!

domingo, 1 de xuño de 2025

Obradoiro de Lectura Creativa

Un curso máis, dedicamos algunhas sesións a traballar co alumnado a «lectura creativa». Para iso aproveitamos libros do fondo da nosa biblioteca: Esfinxe. Relatos de pensamento creativo e Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo

De forma pautada, cooperativa e lúdica, en 6º de Primaria traballamos a comprensión lectora aplicada a diferentes tipos de relatos que requiren resolución (de enigmística popular, de pensamento lateral, de matemática recreativa, de lóxica, de enredos lingüísticos...), sempre adaptados, por niveis de dificultade, á idade do alumnado.

Un espazo divertido para ler, crear e pensar «fóra da caixa». Bo traballo, rapaces!