A lírica popular oral galega, coa súa tradición musical, é considerada unha das máis importantes de toda Europa occidental. A través das cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras deste ano, podemos apreciar a riqueza e variedade das cantigas populares, que xurdían en calquera momento do ano, con calquera traballo ou ocasión festiva. Esta podería ser unha clasificación:
• Traballos do campo: cantos de seitura (de cando se recollía o cereal), cantos de vendima (de cando se recollía a uva), muiñeiras (asociadas ao momento de moer no muíños).
• Festas anuais: cantos dos maios (asociadas á celebración da primavera), cantos de Nadal ou panxoliñas (na época do Nadal).
• Vida cotiá: cantos de berce (para adurmiñar os nenos), regueifas (diálogos cantados improvisados entre mozos e mozas típicos das vodas).
Queredes escoltar algunha? Aquí tedes uns cantos exemplos.
A Real Academia Galega decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas a seis humildes labregas que representan a nosa música e cantos tradicionais, patrimonio de todos os galegos. Estas mulleres eran cantareiras da Costa da Morte: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens (Malpica).
Durante as próximas semanas, ata a celebración do Día das Letras Galegas, imos ir poñendo en marcha unha serie de proxectos que esperamos vos gusten e sirvan para divulgar o labor destas mulleres. De momento, para abrirmos boca, aquí deixamos algúns recursos que nos axudaran a coñecelas mellor.
María Pérez, a Balteira, naceu na parroquia de Armea, no concello coruñés de Coirós, preto de Betanzos. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII.
Aínda moi nova, María comezou a exercer o seu oficio de soldadeira; é dicir, utilizou a súa arte para amenizar o día aos nobres e cortesáns, a través do seu dominio do canto e da danza, ademais de realizar acrobacias e exercicios durante as actuacións de xograres e trobadores. Como contraprestación, María recibía un soldo, denominado «soldada», que lle permitía certa autonomía e liberdade para moverse como lle apetecía.
Segundo os textos a ela dedicados, María Balteira encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba aos dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela (non se nos di nada das súas habilidades artísticas) corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas.
María Pérez, a nossa cruzada, quando veo da terra d´Ultramar, assí veu de perdom carregada que se non podía con el merger. Mais furtanlho cada u vai maer e do perdom ja non lhe ficou nada.
E o perdom é cousa mui preçada e que se devía muit´a guardar, mais ela non ha maeta ferrada en que o guarde, nen a pod´haver, ca, pois o cadead´en foi perder, sempr´a maeta andou descadeada.
Tal maeta como será guardada, pois rapazes albergan no logar, que non haja seer mui trastornada? ca no logar u eles han poder non ha pardón que s´i possa asconder, assi saben trastornar a pousada.
E outra cousa vos quero dizer: tal pardón ben se devera perder, ca muito foi cousa mal ganhada.
Pero da Ponte
da terra d´Ultramar: do outro lado do Mediterráneo, de Terra Santa (Xerusalén)
merger: levantarse, erguerse
cada u vai maer: en cada lugar onde dorme
maeta ferrada: maleta reforzada con ferros
PARÁFRASE: Como era usual na época, tamén a famosa soldadeira Maria Balteira teria feito unha cruzada (peregrinación á Terra Santa), para gañar os perdóns ou indulxencias habituais. O peor é que, no seu regreso, uns mozos lle foron roubando estas indulxencias, en sucesivos ataques á súa «maleta descadeada». A cantiga é un dos máis perfectos equívocos do cancioneiro satírico.
Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía».
A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.
Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.
Esta mañá celebramos na biblioteca unha nova sesión do Club de Cómic, unha actividade xa comezou en setembro e que levamos desenvolvendo de forma continuada desde hai varios cursos. Nesta ocasión, a nosa profe e compañeira Nerea axudou os rapaces e as rapazas a traballar as proporcións da man.
Todos aqueles estudantes da ESO que desexedes participar, non tedes máis que pasar pola biblio e apuntarvos. As sesións celébranse durante o recreo da mañá cada quince días. Nelas poderedes gozar coas atractivas propostas de Nerea, recomendarvos lecturas, coñecer novos títulos e autores. Tamén poderedes dispoñer da selección de banda deseñada e manga dos nosos fondos e, ademais, dos lotes de cómics que cada mes nos deixan en préstamo desde a Biblioteca Municipal Durán Loriga, a cuxas traballadoras lles agradecemos enormemente o apoio que nos están a prestar.
Hoxe, 9 de decembro, tivemos a sorte de contar coa visita de Francisco Castro, un dos escritores máis lidos e valorados do actual panorama literario galego. Nado en Vigo en 1966, leva publicados máis de vinte libros, algúns traducidos a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, inglés, serbio, italiano e portugués.
Foi, ademais, durante varios anos, director da Editorial Galaxia. Como el mesmo nos contou, hai pouco tempo decidiu deixar atrás o mundo da edición para centrarse profesionalmente nas súas dúas grandes paixóns: a literatura e a música.
Despois de escoitalo, o alumnado de 3 ESO, que lera o seu libro O cemiterio de barcos, puido ter unha animada charla con el. Unha experiencia fantástica que intentaremos repetir con outros escritores e escritoras.
Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.
O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade.
Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais.
Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!