Estes días andamos en sexto de Primaria a traballar os recursos literarios (a personificación, a hipérbole...). Un dos máis importantes e empregados é a metáfora.
A metáfora é ese recurso no que se relacionan dous elementos con algunha semellanza entre si (sen usar partículas comparativas). Estes elementos serían o Termo Real (R) e o Termo Imaxe (I). Así, se dicimos:
Os teus dentes son perlas brillantes
Temos unha metáfora que relaciona o Termo Real (R) dentes co Termo Imaxinario (I) perlas brillantes. Evocamos daquela a imaxe duns dentes brancos e relucentes como perlas.
As adiviñas populares tamén recorren con moita frecuencia ao recurso da metáfora. Por exemplo:
Ten un dente e tira pola xente (Solución: a campá)
Nesta adiviña, o Termo Real (R) campá relaciónase co Termo Imaxinario (I) [boca] dun só dente; é dicir, o badalo da campá sería o único dente dunha boca. Se somos hábiles recoñecendo os elementos da metáfora, tamén temos máis doado dar coa solución da adiviña.
Queres practicar? Os alumnos e alumnas de sexto de Primaria prepararon este vídeo para convidarte a «xogar ás adiviñas». Adiante! Cantas das resolvido?
Ningún comentario:
Publicar un comentario