xoves, 21 de maio de 2020

Rosalía de Castro, universal


Non podemos deixar que pase este curso sen nos achegar, aínda que sexa minimamente, á figura máis importante do Rexurdimento galego (e emblema da nosa cultura), Rosalía de Castro.

Para darvos unha idea da repercusión desta poeta, mesmo a nivel internacional, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá. 
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi... 
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Sabías que...?
O ano pasado, a Televisión de Galicia estreou con éxito un filme dedicado á figura de Rosalía de Castro. O seu título é «Contou Rosalía». Deseguido tes un tráiler e podes ver o filme completo, se che presta, aquí


Aquí che deixamos un fermoso vídeo que presenta, de forma amena, a biografía de Rosalía de Castro.



A tarefa de hoxe é:
• Ler os apartados dedicados a Rosalía de Castro (1. Biografía, 2. Obra literaria, 3. Lingua e estilo) das páxs. 233-235 do teu libro.
• Ler aquí o poema «Unha vez tiven un cravo» (e ver a recitación que aparece). Despois resolver as actividades interactivas que se propoñen (seleccionar «Mostrar todas as preguntas»).
• Facerlle fotos ou pantallazos ás respostas e envialas por MOODLE. É imprescindible indicar tamén por MOODLE a cal destes núcleos temáticos corresponde o poema: a) poesía costumista, b) poesía subxectiva-intimista ou c) poesía obxectivo-social.


Ningún comentario:

Publicar un comentario