O Rexurdimento é, como podes ver nas páxs. 212-213 do libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.
Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Unha actitude que, de cando en vez, seguimos a ver, por sorte!
Explicouno de marabilla o youtubeiro Aquel-e, aló por 2018, con motivo da participación de Sabela en Operación Triúnfo.
A tarefa hoxe, simplemente dedicar uns minutos a ver con atención o seguinte vídeo que che presenta como xurdiu e que trazos tivo o Rexurdimento. Un movemento crucial para a nosa literatura e para a nosa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario