É curioso saber que hai 2000 anos, na antiga Xudea, tamén se daba iso que damos en chamar «conflito lingüístico». E que alí, Xesús, nun momento clave para el, decidiu usar a súa lingua propia, o arameo, a pesar de ser a lingua B, a lingua marxinada.
A xeito de síntese, para intentar precisar esa chea de conceptos que estamos a estudar estas semanas (bilingüismo, diglosia, prexuízos, lingua minorizada...), aquí queda este esquema, coas súas correspondentes definicións. A ver se vos é de axuda.
Contacto lingüístico: Situación en que dúas ou máis linguas coexisten nun mesmo territorio.
Bilingüismo individual: Capacidade que ten unha persoa de empregar indistintamente dúas linguas.
Bilingüismo social: Sociedade en que se empregan dúas linguas diferentes, sendo unha boa parte da poboación individuos bilingües. Esta situación nunca é estable no tempo e decote acaba derivando en diglosia.
Diglosia: Situación en que se dá unha consideración social desigual de dúas linguas o que provoca un uso desequilibrado destas: a lingua A (dominante) para as funcións de máis prestixio (laboral, institucional, cultural e internacional) e a lingua B (minorizada) para as relacións cotiás e informais (función local e, sobre todo, a familiar).
Lingua dominante (A): Lingua de gran prestixio social que acaba por impoñerse fóra do territorio que lle é propio e acaba ocupando progresivamente ámbitos e funcións doutra lingua (a minorizada).
Lingua minorizada (B): Lingua historicamente propia dun territorio que ve restrinxidas as súas funcións e retrocede nos diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua dominante foránea.
Prexuízos lingüísticos: Xuízos de valor (preferencias ou rexeitamentos) sobre a lingua baseados en razoamentos falsos ou sen fundamento («O galego é de pailáns de aldea», «O galego só o falan os dunha determinada ideoloxía»...).
Conflito lingüístico: Situación de tensión e pugna entre dúas linguas en contextos diglósicos, e que se pode resolver ben mediante a substitución lingüística, ben mediante a normalización lingüística.
Substitución lingüística: Desaparición da lingua minorizada porque a lingua dominante se impón completamente en todos os ámbitos e funcións.
Normalización lingüística: Proceso mediante o cal unha lingua minorizada consegue recuperar o seu valor comunicativo, as súas funcións lingüísticas e o seus status como lingua propia.E para rematar cun chisco de humor, vía Xogosdelingua, unha mostra galáctica do conflito lingüístico. Contacto lingüístico, prexuízos, lingua dominante e lingua minorizada, diglosia... todo mesturadiño nesta comedia esmendrellante do grupo Chévere. Ollo! Conseguirá Lucas Arcodavella arredar a Pailán Vader do lado escuro da forza?
Ningún comentario:
Publicar un comentario