De novo chegou o Entroido: unha das tradicións galegas máis populares, pola festa e polos disfraces; mais tamén polo cocido, polas orellas, polas filloas...
No Fogar recuncan don Paco e dona Maruxa, e esta vez traen consigo o seu neto Pepiño. Entre os tres axudarán a organizarmos a semana do Entroido en Primaria e en Infantil. Unha celebración que terá o seu momento culminante no Festival do venres pola tarde.
Para saberdes máis do Entroido galego, aquí e aquí tedes dúas boas webs nas que toparedes información abonda.
E para rematar, unha sobremesa para larpeiros: Ofelia Rei a prepararnos unhas boas filloas da pedra, ao máis puro estilo tradicional, co seu caldo, co seu unto... Ummmmmm!
É curioso saber que hai 2000 anos, na antiga Xudea, tamén se daba iso que damos en chamar
«conflito lingüístico». E que alí, Xesús, nun momento
clave para el, decidiu usar a súa lingua propia, o arameo, a pesar
de ser a lingua B, a lingua marxinada.
A xeito de síntese, para intentar precisar esa chea de conceptos que
estamos a estudar estas semanas (bilingüismo, diglosia, prexuízos, lingua minorizada...),
aquí queda este esquema, coas súas correspondentes definicións. A ver se
vos é de axuda.
Contacto lingüístico: Situación en que dúas ou máis linguas coexisten nun mesmo territorio.
Bilingüismo individual: Capacidade que ten unha persoa de empregar indistintamente dúas linguas.
Bilingüismo social: Sociedade en que se empregan dúas linguas
diferentes, sendo unha boa parte da poboación individuos bilingües. Esta
situación nunca é estable no tempo e decote acaba derivando en
diglosia.
Diglosia: Situación en que se dá unha consideración social
desigual de dúas linguas o que provoca un uso desequilibrado destas: a
lingua A (dominante) para as funcións de máis prestixio (laboral,
institucional, cultural e internacional) e a lingua B (minorizada) para
as relacións cotiás e informais (función local e, sobre todo, a
familiar).
Lingua dominante (A): Lingua de gran prestixio social que
acaba por impoñerse fóra do territorio que lle é propio e acaba ocupando
progresivamente ámbitos e funcións doutra lingua (a minorizada).
Lingua minorizada (B): Lingua historicamente propia dun
territorio que ve restrinxidas as súas funcións e retrocede nos
diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua
dominante foránea.
Prexuízos lingüísticos: Xuízos de valor (preferencias ou
rexeitamentos) sobre a lingua baseados en razoamentos falsos ou sen
fundamento («O galego é de pailáns de aldea», «O galego só o falan os
dunha determinada ideoloxía»...).
Conflito lingüístico: Situación de tensión e pugna entre dúas
linguas en contextos diglósicos, e que se pode resolver ben mediante a substitución lingüística, ben mediante a
normalización lingüística.
Substitución lingüística: Desaparición da lingua minorizada porque a lingua dominante se impón completamente en todos os ámbitos e funcións.
Normalización lingüística: Proceso mediante o cal unha lingua
minorizada consegue recuperar o seu valor comunicativo, as súas funcións
lingüísticas e o seus status como lingua propia.
E para rematar cun chisco de humor, vía Xogosdelingua, unha mostra galáctica do conflito lingüístico. Contacto lingüístico, prexuízos, lingua dominante e lingua minorizada, diglosia... todo mesturadiño nesta comedia esmendrellante do grupo Chévere. Ollo! Conseguirá Lucas Arcodavella arredar a Pailán Vader do lado escuro da forza?
Comeza o 2016 e, con todos vós, Manuel MaríaFernández Teixeiro (1929-2004), o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Trátase dun dos escritores máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Non houbo xénero literario que non cultivase: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo e, sobre todo, poesía.
Como poeta, Manuel María considerou todos os temas humanos apropiados para a arte poética: a reivinciación social, a defensa da nosa cultura, o canto á súa paisaxe natal da Terra Chá, o paso do tempo e da vida ou, como vemos no poema, os sentimentos máis íntimos (como amor).
Rosas SEMPRE a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.
Manuel María, A luz resuscitada (1984)
Aínda que xa o fixemos nunha entrada anterior, aquí vos quedan varias ligazóns de interese para achegarvos á vida e á obra de Manuel María.
Aproveitamos para vos presentar o vídeo de promoción de Canta o cuco, un novo libro-disco de Magin Blanco e Uxía Senlle no que poñen todo tipo de ritmos musicais a versos do poeta da Terra Chá. Unha fermosa forma de achegara súa obra aos máis pequenos.
E non esquezas, como explicamos na primeira entrada, que son tamén seus os versos que lle deron nome ao noso blog: «A lingua é a chave coa que abrimos o mundo».