martes, 16 de setembro de 2025

Vogais medias semiabertas e semipechadas

           

Xa saberás que o sistema vocálico galego consta de sete vogais. Aquí cho explica Esther Estévez en Dígocho eu.

     

Se cadra, un dos trazos máis especiais do galego, especialmente para un neofalante, é a distinción entre vogais medias semiabertas e semipechadas.  Aquí che deixamos unhas breves pautas para distinguir o uso dunhas e doutras.

Vogais semiabertas   /ɛ/    /ɔ/

• En palabras con «e» ou «o» breves no latín: ferro, fero, festa, medo, pedra, grego, nove, roda, óso, nora, soño...

• Diante consoante oclusiva trabante «p», «b», «t», «k»: heptagonal, obter, étnico, rectangulo, optimista, robot, octosílabo...

• Nas palabras rematadas en -elo/-ela, -encio/-encia, -enza, -osa, -ola-el, -ol e -oz: castelo, cadela, silencio, paciencia, crenzaxeitosapastel, papel, caracol, español. voz... Así como os seus plurais:  pasteis, papeis, caracois, españois...

• En palabras esdrúxulas (excecpción: cóbado) e en palabras graves con ditongo crecente na última sílaba (excepción: femia, premio, mediocodia): brétema, médico, inhóspita, lóxico, arteria, vivencia, croio, serodia... 

• Nos nomes das seguintes letras: e, o, efe, ele, eme, ene, eñe, erre e ese.

• Nos indefinidos alguén, ninguén, ren, cadaquén, quenquera, calquera, mesmo, certo...

• No interrogativo quen.

• Nos numerais cero, sete, nove, dez, cen...

• Na conxunción copulativa e, aínda sendo átona.

• Nas formas do posesivo noso, nosos, nosa, nosas.

Vogais semipechadas   /e/    /o/

• En palabras con «e» ou «o» longos no latín: cheo, tona, rede, todo, boca, collo...

• Diante das consoantes palatais «ch», «x», «ñ», «ll» (exc. vello): fecho, pexa, empeño, cortello...

• Nas palabras terminadas en -és/-esa-edo, -ez/-eza, -ello/-ella, -oso, -ón/-ona, -or: cangués, coruñesa, penedo, avareza, curioso, pasmón, mangallonacomedor...

• Palabras rematadas en -eo, -ea, -oa: feo, fea, alleo, allea, seo, area, leoa, boa, ladroacoroa...

Formando ditongos decrecentes: meu, eira, moito, ouro, touro, eito, moucho, noiva, eixe...

• Nos nomes das letras seguintes: be, ce, de, gue, pe, te, xe e zeta (ou ceta).

• Nos demostrativos este, esta, ese, esa, aquel, aqueles.

• Nos numerais tres, once, doce, trece, catorce.


Ningún comentario:

Publicar un comentario