martes, 21 de maio de 2024

«Castellanos de Castilla», de Rosalía de Castro

 

Como vimos na aula, Castela foi destino obrigado para Rosalía de Castro e a súa familia en varias ocasións. Alí, nosa poeta foi testemuña das duras condicións en que vivían os xornaleiros galegos que emigraban á meseta na época da sega. No seu poema «Castellanos de Castilla», describe o maltrato e a angustia que soportan estes segadores galegos. 

A voz poética é a da muller dun deles. Esta chora, con dor e desconsolo, a morte do seu home como consecuencia das duras condicións de traballo. Unha dor que a leva a amosar o seu desprezo por Castela e a pedir un bo trato aos galegos. 

O poema ten, daquela, unha clara temática social-patriótica e resulta hoxe plenamente vixente se pensamos na dureza da situación da poboación emigrante en moitas partes do mundo.

 



domingo, 19 de maio de 2024

O Fogar coas Letras Galegas

A celebración deste ano do Día das Letras Galegas no Fogar tivo tres eixos centrais. 

Por unha parte, xunto con outros centros concertados da Coruña (agrupados en Escolas Católicas), participamos na realización do vídeo documental: «A Coruña de Villalta». sobre a figura da autora homenaxeada este ano. Un gran labor o dos nosos «xornalistas» de Primaria e Secundaria, que exerceron reporteiros e presentadores.


Por outra parte, as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria participaron durante toda unha semana nun proxecto lúdico elaborado desde o propio centro: «A xincana ‘Luísa Villalta’». Unha serie de xogos e pasatempos (Xincana Autodefinido) adaptados para distintas idades e que xiraban arredor da figura da escritora coruñesa.

 

Por último, durante todo o mes de maio, o alumnado de 3° e 4° de Primaria estivo traballando a música tradicional da man de Xabier Díaz. Achegámonos así ás cantigas dos nosos maiores, que aprendían dun xeito oral. Tamén practicamos algún paso de xota e incluso montamos a peza cun grupo de cantareiros e cantareiras que se forman en asociacións e escolas da nosa cidade.

Un gran traballo de distintos departamentos (Lingua Galega, Plástica, Música, Tecnoloxía...) que deu lugar a unha combinación de actividades orais e escritas coas que puidemos celebrar, de forma lúdica e motivadora, as nosas Letras Galegas!

luns, 13 de maio de 2024

17 de maio para Luísa Villalta


Un ano máis chega o Día das Letras Galegas e a homenaxeada este ano é Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). Foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Cultivou todos os xéneros: teatro, narrativa, ensaio, articulismo... Aínda que destacou pola súa obra poética.

Desde o ano 1988 traballou como profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Xosé Neira Vilas (Perillo, Oleiros), IES Canido (Ferrol) e, finalmente, no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

Mais Villalta tamén foi coñecida e recoñecida por implicarse nun innumerable abano de iniciativas cívicas e culturais: participou en actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nado despois do naufraxio do petroleiro Prestige.

Unha homenaxe, sen dúbida, ben merecida para unha muller que faleceu de forma inesperada e prematura, con só 46 anos, debido a unha meninxite. 




sábado, 11 de maio de 2024

Ruta Pondaliana 2024

O pasado 7 de maio, o alumnado de 3ESO animouse, un ano máis, a participar na Ruta Pondaliana. Unha xornada para aprender ao aire libre, no propio territorio. Para aprender e, tamén, para gozar cos compañeiros e compañeiras no entorno natural e cultural da comarca de Bergantiños. 

Pola mañá, achegámonos ao castro de Borneiro e ao dolmen de Dombate (visita guiada). Ao medio día xa estabamos no piñeiral da praia de Balarés, onde comemos e puidemos gozar dunhas horas de lecer.

Pola tarde, realizamos a camiñada prevista polo Monte Branco e pola desembocadura do Anllóns, ata chegar á casa natal de Eduardo Pondal, en Ponteceso. 

Unha xornada inesquecible! Parabéns a todos e todas polo ben que fixestes a lectura e comentario in situ dos poemas pondalianos!

Galería de fotos