Como sabes, os fonemas constitúen as unidades mínimas da lingua. Non posúen significado mais, ao combinarse, contraen relacións de oposición que permiten diferenciar signos lingüísticos: gato /ˈɡato/ - rato /ˈrato/.
Os fonemas vocálicos son articulacións abertas, polo que o aire sae ao exterior sen obstrucións. O sistema vocálico do galego, herdeiro do latino, consta de 7 fonemas en posición tónica. A oposición entre vogais medias /e/ - /ɛ/ e /o/ - /ɔ/ permite distinguir signos distintos: pe /‘pe/ - pé /‘pɛ/; oso /‘oso/ - óso ‘ɔso/.
Os fonemas consonánticos non son articulacións abertas xa que neles sempre hai algún obstáculo no aparello fonador que obstrúe a saída do aire. En galego temos 19 fonemas consonánticos que se caracterizan segundo o seu punto e modo de articulación.
A gheada supón a ausencia do fonema /g/ (oclusivo velar sonoro) e a presenza no seu lugar do fonema /h/ (aspirado, semellante ao do inglés en house). O seseo consiste na ausencia do fonema fricativo interdental xordo /θ/ a favor do fricativo alveolar xordo /s/. Os dous son fenómenos dialectais correctos na fala, mais que non se representan na norma escrita.
Estas ligazóns seranche moi útiles para completar con exemplos sonoros e gráficos o que acabas de ver.
• Fonética e Fonoloxía do Galego. Páxina interactiva onde podedes, por exemplo, ver e o oir as distintas realizacións dos fonemas vocálicos e consonánticos do galego.
• Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega. Dicionario en liña que recolle a pronuncia correcta de todas as súas palabras, coa correspondente representación fonolóxica.
• «Beat box»: habilidade vocal e bucal: Entrada en Xogosdelingua que relaciona beatbox e fonética.
Ningún comentario:
Publicar un comentario