Xa estamos comezando un novo curso. Se reparas na páxina 16 do teu libro de texto, verás que as linguas están constituídas por signos que emitimos oralmente: os signos lingüísticos. Un signo lingüístico é a unión inseparable de dous compoñentes que o lingüista Saussure denominou significante (grupo de sons que asociamos a un concepto) e significado (idea ou concepto que asociamos a un significante). Esta dobre cara do signo remite sempre a unha realidade ou referente.
O seguinte esquema exemplifica graficamente esta idea.
O signo lingüístico é arbitrario e convencional, é dicir, non hai ningunha razón para que o can se chame can. Así, cada cultura desenvolve, para un mesmo significado, o seu propio significante: can, perro, dog...
O signo lingüístico é tamén articulado, isto é, tanto significado como significante poden dividirse en unidades máis pequenas que se combinan para formar novos signos (/kán/ –> /pán/ –> /tán/; ‘animal’ ‘canino’ ‘doméstico’ –> ‘animal’ ‘felino’ ‘doméstico’).
Para que che quede algo máis claro, e tamén para que practiques un chisco o teu portugués, aquí tes un breve vídeo sobre o signo lingüístico. Seguro que o pillas todo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario