luns, 30 de marzo de 2020

Estereotipos e prexuízos lingüísticos

Os estereotipos son xeralizacións moi difundidas e simplistas sobre os membros dun grupo social (‘rapaz con lentes = chapón’ ou ‘nena loira = parva’).

Os prexuízos son xuízos de valor que nos levan a ter actitudes negativas e de rexeitamento cara a eses grupos baseándonos, precisamente, nos estereotipos falsos.

Coñeces a Susan Boyle? No 2009, con 46 anos, participou como concursante na terceira tempada do show de televisión británico Britain’s Got Talent. Ela, na súa primeira aparición no programa, foi vítima de estereotipos e prexuízos. Prexulgárona negativamente pola súa aparencia e polo seu acento (procedía dunha aldea escocesa), mais acabou ocorrendo isto...


Un bo exemplo de por que non nos debemos deixar levar por estereotipos falsos nin alimentar prexuízos!

Sobre a lingua galega pesan moitos estereotipos (‘galegofalante con gheada = aldeán inculto’; ‘mozo galegofalante urbano = bloqueiro’) e tamén prexuízos (‘o galego íllanos do exterior’, ‘co galego non se progresa’, ‘o galego está a ser imposto por unha minoría’...).

O seguinte vídeo axúdache a coñecer algúns destes prexuízos lingüísticos e a reflexionar sobre a súa falsidade.



Para rematar, a actividade de hoxe:

—Le completo o bloque «A consideración social das linguas», páxs. 139-140 do teu libro.

—Fai un esquema (se non tes o teu caderno, nunha folla á parte) sobre os prexuízos sobre o galego do apartado 3. Debe incluír a definición de prexuízo e os seus tipos.

xoves, 26 de marzo de 2020

Fenómenos das linguas en contacto


Hoxe imos descansar de tanta gramática. Nas unidades 4 e 5 estudamos xa importantes conceptos sociolingüísticos: diglosia, conflito lingüístico, lingua minorizada... Son ideas que debes ter moi claras porque volverán aparecer en 4ESO e en BACH. 

Repescamos este esquema, que seguro che resulta familiar. Nel podes visualizar a relación existente entre todos eses importantes conceptos. Recomendámosche, de feito que leas o vello post onde aparecía e vexas os vídeos que contén.


Igualmente estoutros vídeos tamén che poden ser moi ilustrativos para traballar os «principais fenómenos das línguas en contacto» e «lingua minoritaria e lingua minorizada».

Principais fenómenos das línguas en contacto


Lingua minoritaria e lingua minorizada

Para rematar, algo de traballo. 
• Copia no teu caderno a definición dos conceptos básicos que acabamos de traballar. Lembra que están aquí.
• Fai tamén no caderno a actividade 1 da página 117 do teu libro: le os textos e responde de forma razoada as preguntas finais (baséate no estudado no libro e no visto no blog).

mércores, 25 de marzo de 2020

O verbo irregular


Na páxina 160 do teu libro tamén se explica que o verbo irregular é aquel que non mantén a raíz igual en todas as súas formas e/ou ten desinencias distintas ás do seu verbo modelo.
fago = ando (verbo modelo)
fixen = andei (verbo modelo)
farei = andarei (verbo modelo)
Podes atopar as formas completas dos principais verbos irregulares galegos (caber, dar, dicir, estar...) no apéndice (pás. 296-301).

Imos coa práctica de hoxe:

Aquí tes un divertido xogo. Debes escribir a forma correcta de cada verbo irregular ata completar a rosca do alfabeto.

Aquí, unha batería de 5 exercicios para traballares o verbo irregular e tamén o regular.

Ánimo!

martes, 24 de marzo de 2020

O verbo regular



Na páxina 160 do teu libro explícase que o verbo regular é o que mantén a raíz igual en todas as súas formas e toman as desinencias do seu verbo modelo.    
bailo = ando (verbo modelo)        
bailei = andei (verbo modelo)

bailarei = andarei (verbo modelo)
Debes lembrar tamén que un grupo especial de verbos, chamados verbos con alternancia vocálica (ver cadro da marxe da páx. 160), presenta alteracións na vogal tónica da raíz, mais seguen a ser verbos regulares.
durmo
dormes
dorme
durmimos
durmides
dormen
A morfoloxía verbal é un dos contidos máis importantes deste curso, así que aquí tes unhas cantas actividades en liña para que practiques, comezando polo verbo regular.
  • Aquí debes conxugar unha serie de verbos na persoa, tempo e modo que se indica (son todos regulares, e algúns de alternancia vocálica).
  • Aquí tes unhas actividades para practicar especificamente os verbos de alternancia vocálica.


domingo, 22 de marzo de 2020

Os determinantes


Os substantivos comúns aparecen normalmente precedidos por palabras que os concretan (a casa, aquela casa, a túa casa...), Estas son coñecidas como determinantes. Xa os estudiamos nas páxinas 134-137 do teu libro. Imos agora repasalos:


Dálle unha lectura ao apartado dos determinantes do teu libro e logo realiza as seguintes actividades. 

Aquí tes unha interesante páxina con explicacións teóricas e actividades en liña para traballardes o artigo, o demostrativo, o posesivo... Vai percorrendo o menú da esquerda.

E aquí tes unha aventura interactiva, semellante á dos pronome átono da entrada anterior, na que terás que superar todas as probas para poder abrir a caixa do tesouro.

Adiante, a traballar... E ánimo!

Por certo, se tes dúbidas ou consultas, podes trasladalas sen problema facendo clic en «ningún comentario», na parte inferior da entrada. 

venres, 20 de marzo de 2020

O pronome persoal [3]


Para rematar esta semana, unha última proposta sobre o pronome persoal: «A colocación do pronome». Trátase dunha aventura interactiva na que, dependendo dos teus coñecementos sobre o pronome, poderás superar unhas probas ata chegar ao final.

Adiante! Se resolves todas as probas, conseguirás a chave que abre a caixa forte. Acepta o reto! 

Por certo, este recurso e moitos outros podedes atopalo en Aulas Galegas, un espazo colaborativo acabado de nacer que che será moi útil. Fai buscas nas categorías por curso (3ESO) e por materia (Lingua Galega ou outras). Seguro que atoparás propostas e actividades que che axuden.

mércores, 18 de marzo de 2020

O pronome persoal [2]


Outro dos contidos importantes relativos ao pronome átono galego é o da súa colocación respecto do verbo. O pronome átono, como o seu nome indica, carece de acento de intensidade e por iso vai acompañando sempre unha forma verbal, unhas veces despois e outras antes. 

DESPOIS
Dígocho en serio. 

ANTES
Que non se che ocorra cometer máis pronomicidios!

Se fas clic aquí ou na imaxe, verás unha sinxela explicación sobre o tema. De novo, a fonte é o miniespazo Dígocho eu da TVG.


No teu libro, na páxina 208, tes unha explicación completa das regras de anteposición e posposición do pronome átono. Despois de lelas, suxerímosche que fagas as actividades 10, 11, 12 e 13.

Sería boa idea que vises esta entrada e tamén estoutra deste mesmo blog. Nelas abordamos dunha forma «diferente» o traballo da colocación do pronome. Se cadra esas cancións, axúdanche a memorizar as regras!

E por último, de novo, algo de traballo en liña. Aquí tes as regras de colocación do pronome e aquí unhas cantas actividades. Adiante! A ver se tes poucos erros!

sábado, 14 de marzo de 2020

O pronome persoal [1]


Estes son días complicados. Pero seguro que dentro dunhas semanas todo volverá á normalidade. En todo caso, en Achaveeomundo iremos incorporando entradas novas que vos axudarán a traballar os contidos máis importantes de Lingua Galega e Literatura 3ESO.

Lembra tamén que na marxe esquerda do blog dispós dunha chea de recursos en liña que che poden ser de axuda. E tamén poden servirche as etiquetas ordenadas alfabeticamente para ir dereitiño/a a algún contido que che interese.

O noso próximo contido gramatical importante é o pronome persoal. No teu libro de texto podes atopalo na unidade 9 (entre as páxs. 204 e 208). Nese apartado podes ler con calma os trazos esenciais tanto do pronome tónico, como do átono.



Tendo en conta o estudado, propoñémosche que fagas as actividades 2, 6, 7, 8 e 9. 

Unha das dificuldades típicas que distinguir ben o uso correcto de te / che. Se fas clic nesta ligazón ou na imaxe podes ver unha útil explicación sobre o tema do programa Dígocho eu, da TVG.


Tamén podes facer estas actividades en liña, que teñen solucionario.

Axiña volveremos con máis propostas sobre o pronome persoal. Ánimo!