xoves, 11 de abril de 2019

[21DEG: Día 21] Como che vai?


Chegamos ao final de 21DEG. Parabéns! Fixéchelo de marabilla! Os obxectivos básicos están cumpridos: mellorar o nivel do teu galego oral a base de falalo e reflexionar sobre aspectos sociolingüísticos que tamén traballamos na aula (prexuízos, variedades dialectais, lusofonia...). 


Adiante co derradeiro «Como che vai?»
—Como te sentes despois de completar o día 21?
—Que actividades das propostas che gustaron máis? Cales menos? Algunha suxestión?
—Pensas que despois de 21DEG falarás máis en galego ca antes?
—Se a experiencia se fixese de novo o curso que vén, repetirías? Por que?
—Animarías a outros compañeiros a participar nela? Por que?
—Que papel cres que xoga a xente nova no futuro da lingua galega?  
Xa comentamos os primeiros días que a Xunta decidiu aproveitar a nosa experiencia para lanzar por outros centros do país o proxecto «21 Dias co galego e mais», porque, no fondo, a idea é que a cousa non quede só en 21 días. Os primeiros pasos están dados. Como é sabido, o futuro dunha lingua depende de que a xente a fale, así de sinxelo. 



mércores, 10 de abril de 2019

[21DEG: Día 20] O reto: Nin si nin non


Estamos rematando! Hoxe, día 20 de 21DEG, «O reto» é un xogo de lingua oral que repetimos todos os anos: «Nin si, nin non». Xa sabedes, un enredo divertido para xogar en parellas. Por susposto, debedes gravalo en vídeo.


—Xúntate con alguén, preferiblemente, un compañeiro/a de «21 Días En Galego».
—Un de vós fai preguntas e o outro responde.
—Poden ser de calquera tema. A única norma fundamental é que non se pode reponder nin «si» nin «non». E tampouco permanecer en silencio, obviamente.
—Cando se diga «si» ou «non», pérdese e trócanse os papeis. Quen preguntaba, responde; e quen respondía, pregunta.
—Así sucesivamente ata cumprir os 3 minutos. Gravade o xogo sen cortes.

martes, 9 de abril de 2019

[21DEG: Día 19] Como che vai?


Día 19 de 21DEG. Xa estamos a piques de chegar ao final. Hoxe toca un «Como che vai?». Antes, propoñémosche reflexionar un chisco sobre os prexuízos lingüísticos. 

Non é raro escoitar ás veces, con certo ton desprezativo, iso de que o galego é unha «lingua minoritaria». Como xa temos traballado na aula, iso non é máis ca un prexuízo. Os conceptos «lingua maioritaria» e «lingua minoritaria» son relativos. Como ben se explica neste vídeo.


O realmente relevante para a saúde e futuro dun idioma non é se é maioritario ou minoritario, senón se se trata unha «lingua minorizada»; é dicir, se está a ser desprazada no seu propio territorio por outro idioma. Basta con abrir os ollos e as orellas no noso dia a día para comprobar como o galego esta a recuar de forma alarmante en todos os ámbitos e funcións propios dun idioma: transmisión familiar, escola, medios de comunicación, lecer...

As medidas que se toman para corrixir esta situación e conseguir que a nosa lingua acade unha situación de normalidade son vistas por algúns como unha «imposición do galego»: un novo prexuízo lingüístico. Basta con ollar, por exemplo, este cartel.



Así vemos como os distintos prezuízos actúan como freos da recuperación do prestixio e dos usos dunha lingua. Aquí tedes unhas pezas de humor gráfico coas que o debuxante Luís Davila pretende denunciar algúns deses prexuízos.

A

B

C

D

E


Imos agora coas túas reflexións: 
—Como o levaches hoxe? Ves evolución no teu galego?
—Axudou o proxecto a que se falase máis galego ao teu redor (familia, amigos, escola...)?
—Algunha anécdota interesante en relación con 21DEG nos últimos días?
—Nalgún momento, durante estes días, viviches en primeira persoa algún destes prexuízos?
—Podes comentar os diferentes chistes de Luís Davila? Que cres que pretende expresar cada un?

luns, 8 de abril de 2019

[21DEG: Día 18] O reto: Recitamos


Xa estamos no día 18 de 21DEG. Toca «O reto» e o de hoxe consiste en recitar poesía. Debes demostrar os teus dotes como recitador/a cun poema dun dos protagonistas do noso Rexurdimento: Eduardo Pondal. Nel, o poeta nado en Ponteceso fala dunha situación que xa comezaba a ser preocupante no seu tempo, finais do S. XIX: o abandono da lingua galega por parte da xente nova da Coruña.


Debes seguir estes pasos. 
—Le o texto previamente e procura comprender todo, consulta o vocabulario que non coñezas.
—Ensaia un par de veces a recitación antes de gravar (se os dás memorizado, mellor).
—Grava a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
—Finalmente, engade a túa valoración do poema.
Falade galego

Miniñas da Cruña,
de amabre despexo,
de falas graciosas
e pasos lixeiros,
deixá de Castela
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade galego.

Cando é que vos ouzo,
a patria esquecendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade, miniñas,
falade galego.

Mais cando falades
nos patrios acentos,
envoltos no voso
anxélico alento,
parece que escuito
un canto do ceo:
falade, miniñas,
falade galego.

                    Eduardo Pondal

domingo, 7 de abril de 2019

[21DEG: Día 17] Como che vai?


En cada zona de Galicia, a xente fala o galego ao seu xeito. Son as variedades dialectais


Aínda que exista unha variedade común estándar, ningún trazo dialectal é incorrecto: nin a gheada, nin o seseo... Deseguido, tedes un vídeo da rapazada do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no sur de Pontevedra, con Portugal ao outro lado do Miño. Estes participantes no 21 Días co galego e + cóntannos, dun xeito ben ameno, como é o galego de seu. 

E xa sabes, como eles din, «ningún galego é malo, só o que non se fala»! 

 

Hoxe toca falar. Imos co «Como che vai?».
—Que fixeches durante o día de hoxe? E que tal o teu galego?
—Falan teus pais ou avós habitualmente galego? E ti con eles?
—Proceden eles doutras zonas de Galicia? De onde?
—Notas ti diferenzas entre o galego deses lugares e o da Coruña? Son na forma de pronunciar? No vocabulario? Podes dar exemplos? Se cadra, poden axudarche a responder teus pais ou avós.
—Que che pareceu o vídeo dos estudantes de Tomiño? Que aspectos che resultaron máis interesantes ou curiosos?

sábado, 6 de abril de 2019

[21DEG: Día 16] O reto: O videoclip


Estamos xa no día 16 de 21DEG. Chega a fin de semana e propoñémosche un reto en grupo: gravardes un videoclip! A canción será «Non me digas "te quero"», do «youtubeiro» Aquel-e. Un trap que, ademais, nos servirá para perfeccionar o uso dos pronomes átonos. Todo son vantaxes!

Se me dis que me queres,
non me digas «
te quero».
Recorda que o pronome
vai despois do verbo...
Se xa non 
me desexas,
dime «non 
te desexo»,
que vai diante un pronome
porque hai un adverbio
de negación,
hai un adverbio.
Se tes problemas de colocación
cos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Ninguén me dixo que hoxe
ía haber rebolo.
Cando 
me vas chamar?
Vou volver
me tolo.
Tamén se
 adianta o pronome
se hai interrogativos
e o mesmo acontece
con algún indefinido,
indefinido,
indefinido...
Se tes problemas na colocación
dos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Para axudarche, propoñemos estas pautas.
—Ponte de acordo con outros campañeiros/as de 21DEG para colaborar na gravación (todos debedes participar, ben en parellas, ben en grupos).
—Buscade o mellor momento (calquera día da fin de semana) e lugar (ao aire libre, nalgún espazo cuberto...).
—Intendade aprender a canción ensaiándoa varias veces.
—Debedes preparar unha coreografía que acompañe a vosa interpretación.
—Se non sabedes editar vídeo, podedes gravar todo nunha soa toma. Basta con que a canción soe de fondo (ben alta) e vós cantedes a letra.
—Poñédelle toda a imaxinación que queirades: usar disfraces, amosar algúns letreiros con fragmentos da canción...
 

A divertirse!

venres, 5 de abril de 2019

[21DEG: Día 15] Como che vai?




Paulina Ceremuzynska é polaca e fala galego, e moi ben, por certo. Aprendeuno na súa universidade de Varsovia, levada pola paixón que sentía pola nosa poesía e pola nosa música medieval. 

Hai 700 anos todos os galegos falaban galego e mozos e mozas de toda a Península Ibérica cantaban cancións de amor e desamor na nosa lingua. Hoxe, en troques, sorprende ver como persoas de diferentes lugares do mundo aprenden a nosa lingua (como podedes ver aquí), mentres moitos galegos non a falan.

Toca agora un «Como che vai?». Podes guiarte con estas cuestións:
—Como levas a experiencia dos 21DEG? Falas galego de forma máis fluída?
—Que prefires: os días de «Como che vai?» ou de «O reto»? Por que?
—Que opinas de que Paulina Ceremuzynska aprendese a nosa lingua?
—Que che resulta máis interesante do que ela comenta?
—Sabías que centos de estudantes estranxeiros aprenden galego todos os veráns en Santiago? Que che fai pensar isto se tes en conta a relación de moitos galegos coa nosa propia lingua?

xoves, 4 de abril de 2019

[21DEG: Día 14] O reto: Enreguéifate



Unha regueifa é unha disputa cantada entre dúas ou máis persoas de forma improvisada. Este xénero popular ten moita relación coa nosa tenzón medieval e tamén co rap actual: habilidade na improvisación, duelos dialécticos, retranca, sentido satírico...

O reto é o seguinte: en parellas, cantardes unha regueifa. Coma se fose unha «pelexa de galos», debedes contar cun «contrincante»: un compañeiro/a de 21DEG, un familiar... Aquí tedes un vídeo que explica como se regueifa.


Como podedes organizarvos?
• Lembrade, no voso combate cantado debedes usar coplas: estrofas de catro versos de arte menor, coa rima asonante ou consonante só nos pares.
• Se facelas improvisadas resulta difícil, podedes preparar o texto antes e ensaialo.
Para todo o demais, o mellor é que sigades os consellos destes expertos, que vos din como gravar unha regueifa para o certame Enreguéifate 2019. Se queredes, podedes aproveitar o voso vídeo, non só para o 21DEG, senón tamén para este concurso de regueifas.


Se hoxe non vos é posible facelo, non pasa nada, podedes gravar a regueifa outro día. Para vos orientar, observade este vídeo premiado no certame Enreguéifate 2018. Animádevos! A divertirse regueifando en galego! Con imaxinación! Sen medo nin vergonza!




mércores, 3 de abril de 2019

[21DEG: Día 13] Como che vai?


Hai uns 50 anos, Andrés do Barro, un mozo ferrolán, acadou por tres veces consecutivas o primeiro posto nas listas de discos máis vendidos en España... cantando en galego!

Primeiro en 1969 con «O tren», despois en 1970 con «Corpiño xeitoso» e «San Antón». A xente de Madrid, de Sevilla, de Valencia, de Huesca ou de Murcia bailaba nos guateques cos números 1 de Andrés do Barro. Unha proba máis de que, a pesar dos prexuízos, desenvolverte na túa lingua propia non debe supoñer ningún atranco ou desvantaxe.


Lamentablemente, a súa estrela foi moi fugaz. Andrés do Barro faleceu con 42 anos a causa dun cancro hepático. 

Hoxe, aínda que non igualamos eses éxitos fóra de Galicia, temos moitos outros músicos de noso que, se cadra, non coñeces. Escoita estes catro exemplos:

Novidades Carminha, «Non saímos do lixo»


Guadi Galego, «Chea de vida»

SonDaRúa, «Fóra»

Sés, «Tempestades de sal»


Imos agora co «Como che vai?»
—Que fixeches hoxe? Algunha novidade no teu día a día con respecto ao galego?
—Sabías quen era Andrés do Barro? Que che parece o que logrou hai 50 anos?
—Gústache escoitar música? En que momentos? 
—Cales son os teus gustos musicais? 
—Escoitas música en inglés? E en castelán? E en galego?
—Coñecías os músicos galegos anteriores? Cal che gusta máis? Por que?

martes, 2 de abril de 2019

[21DEG: Día 12] O reto: Palabras encadeadas



Hoxe, día 12 de 21DEG, toca «O reto». Propoñémosche un clásico: xogar ás «Palabras encadeadas». Xa sabes:
• Dous ou máis participantes din por quendas unha palabra que comece pola derradeira sílaba doutra proposta antes. Por exemplo: xarope - pereira - raposo...
• Un dos participantes perde cando é incapaz de nomear unha palabra nova ou repite outra xa usada.
• Lembra, ademais, que só serán validas as palabras galegas correctas, é dicir, quen use algún castelanismo (*calle*conexo*lexos...) perde.
Busca un intre para poder facer o xogo cos amigos ou coa familia e grávalo. Repetídeo as veces que vos pete.

A pasalo ben!

luns, 1 de abril de 2019

[21DEG: Día 11] Como che vai?


Lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017? Pois estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.


Como vemos no seguinte vídeo, recentemente Salvador Sobral deu un concerto en Santiago. Alí referiuse a si mesmo como «galego do sur».


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


Escoita agora a interesante mensaxe que nos envía Isadora, alumna do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Realmente convida á reflexión o que nos conta.


Imos entón co «Como che vai?»
—Estamos na metade xusta de 21DEG. Como o levas? Que esperas ter conseguido cando remate o proxecto? 
—Que opinas do feito de que Salvador Sobral gañase Eurovisión cantando en portugués?
—Cres que tamén podería chegar a ser gañadora unha canción en galego? Por que?
—Viaxaches algunha vez a Portugal ou a outro lugar de fala portuguesa? Resultouche alí difícil entenderte coa xente?
—Entendiches ben o que dixo Isadora? Que opinas dos seus diferentes comentarios: a súa boa adaptación a Galicia, o descoñecemento do galego no Brasil, o galego para a comunicación internacional?
—E sobre que ela fale de si mesma como «galega de alén do mar», igual que Sobral faino como «galego do sul»?