O pasado mércores, 20 de maio de 2015, con motivo da celebración das Letras Galegas e das actividades do Plan Lector de literatura galega, tivo lugar un encontro do escritor Xabier P. DoCampo co alumnado de 3º de ESO. Un encontro que representou a volta deste ilustre escritor ao Fogar de Santa Margarida, centro ao que está vinculado desde novo.
Sara Sánchez, alumna de 3º A, realizou unha breve presentación da súa traxectoria profesional.
Exerceu toda a vida a profesión de mestre pero tamén é escritor, contacontos, actor teatral, guionista e promotor da lingua e cultura galegas.
A súa andaina de mestre comezou hai moito tempo, aló polos anos 70, e foi precisamente nas aulas do noso colexio, o Fogar de Santa Margarida. Nesta andaina estivo moi vinculado a Nova Escola Galega, na procura, xunto con outros docentes, da renovación pedagóxica e na galeguización lingüística do sistema educativo de Galicia.
É un dos grandes renovadores da literatura infantil e xuvenil galega. A súa traxectoria é amplísima. Desde O misterio das badaladas, Cun ollo aberto e outro sen cerrar pasando por Cando petan na porta pola noite, (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995) e un sen fin de obras ata chegar a A illa de todas as illas, Premio 2013 da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra narrativa infantil e xuvenil. A illa de todas as illas, como puidemos comprobar nas nosas lecturas, é unha homenaxe a todas esas novelas de aventuras, cheas de misterio, intriga e suspense, cunha illa como escenario, que deixaron unha fonda pegada nos seus lectores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario