martes, 26 de maio de 2026

Preparando os maios (IV)


E por fin rematamos o proxecto da celebración dos maios. Un gran traballo compartido por profesorado de distintas materias (Plástica, Lingua Galega, Música...) e por todo o alumnado de Primaria. Unha experiencia que nos aproximou de forma lúdica e significativa a unha das tradicións populares máis importantes de Galicia.

O ano que vén máis!

mércores, 20 de maio de 2026

Compartindo cultura galega e xaponesa con Haruna


Coincidindo co Mes do Xapón e coa Semana das Letra Galegas, tivemos a gran sorte de contar coa visita de Haruna Chatani. Foron sesións cheas de información, música, contos, conversas e anécdotas. Haruna contounos como viaxou por moitos lugares do mundo, como chegou a Galicia, como a enfeitizou a nosa cultura e a nosa lingua, como se escribe en xaponés, como se debuxa a Doraemon... 








Tamén nos narrou en galego o conto tradicional xaponés de Momótaro, o neno pexego, e cantou connosco a canción dos Maios. 

Unha experiencia única que, sen dúbida, quedará gravada na nosa memoria! Graciñas, Haruna!

xoves, 14 de maio de 2026

17 de maio para Begoña Caamaño

Un ano máis estamos coa gran festa das Letras Galegas. Nesta ocasión, de novo, con protagonismo feminino: a viguesa Begoña Caamaño (1964-2014). A pesar de falecer moi nova, Begoña foi unha das voces con máis forza das nosas letras neste comezo do século XXI. Narradora, xornalista, activista de diferentes causas..., a súa figura ben merece a homenaxe colectiva que supón o Día das Letras Galegas.

Para coñecela mellor, aquí tes este breve vídeo.

Se queres aprender máis sobre Begoña Caamaño (con actividades, xogos...), pode serche de axuda esta ligazón ou estoutra.

E, por último, un clásico por estas datas: o autodefinido Begoña Caamaño. Anímate a resolvelo, se o fas con axuda, incluso mellor.