venres, 28 de abril de 2023

A lenda de Breogán e as «nacións celtas»

Non é difícicil de identificar certas afinidades entre os pobos cunha orixe celta común no extremo atlántico de Europa. Son as coñecidas como «nacións celtas». 


Boa parte deste herdo común, pode estar asociado a figuras como a de Breogán, mítico rei celta que Eduardo Pondal levou aos seus versos.

O rei Breogán foi fundador de Brigantia (hoxe, A Coruña), segundo as tradicións lendarias irlandesas recollidas nun conxunto de manuscritos do século XI: o Leabhar Gabhála Éireann ou Libro das Conquistas Irlandesas, que narra as diversas invasións que sufrira a illa. 

Segundo estes textos, Breogán construiu na cidade da Coruña unha torre de altura tal que se podía enxergar, nos días máis claros, unha ribeira verde: Irlanda.

A visión desta afastada terra leva a Ith, fillo de Breogán, ata a illa, onde algúns nobres envexosos o asasinan. En vinganza, o sobriño de Ith, Mil, navega desde Brigantia a Irlanda con trinta barcos e conquista a illa, dando lugar ao pobo dos fillos de Mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.

Aquí tedes un breve vídeo que recrea estes episodios da lenda de Breogán e da conquista de Irlanda polos seus descendentes con fragmentos do Leabhar Gabhála Éireann.

luns, 10 de abril de 2023

As variedades xeográficas

O galego, como calquera outra lingua viva, posúe distintas variedades xeográficas (ou dialectais). É dicir, ao longo do noso territorio hai trazos na fala (fonéticos, morfolóxicos, léxicos...) específicos de cada lugar. No seguinte vídeo podes ver unha boa mostra disto.


No teu libro explícase cales son bloques dialectais do galego e cales son os trazos específicos de cada un. Basicamente son tres: o bloque occidental, o bloque central e o bloque occidental. O trazo que lles serviu aos lingüistas para determinar o límite entre estes bloques é o xeito de formarmos o plural das palabras acabadas en -ón

-ón / -óns (bloque occidental)     -ón / ós (bloque occidental)     -ón/ois (bloque oriental)
   camións                                   camiós                                   camiois


Estes serían algúns dos trazos lingüísticos propios de cada bloque:




A tarefa de hoxe, sinxela. Tendo en conta a información anterior e a que tes no teu libro, identifica a que bloque dialectal corresponde a fala de Quico Cadaval, que podes escoitar neste divertido monólogo seu sobre «Os coruños». IMPORTANTE: debes xustificar a túa resposta cun mínimo de CATRO TRAZOS (cos seus correspondentes exemplos).

As variedades da lingua

A lingua non é un elemento monolítico e uniforme. Non todos os falantes dun idioma o usan do mesmo xeito; pola contra, dependendo das circunstancias (o tempo, o lugar, a situación...) empregan diferentes variedades da lingua.


A. Variedades históricas (ou diacrónicas)

Son as formadas polas diferenzas das linguas ao longo do tempo. Así, como o galego falado no século XII non é igual ca o do século XXI.

B. Variedades sociais (ou diastráticas)

Son as variedades que veñen determinadas por factores como o nivel cultural, a idade… Non todas as persoas teñen o mesmo nivel de coñecemento da lingua e, polo tanto, uns falantes expresaranse con maior ou menor corrección lingüística ca outros.  As variedades sociais son chamadas tamén niveis de lingua: nivel culto, nivel medio e nivel vulgar.

C. Variedades xeográficas (ou diatópicas)

Son as variantes que unha lingua presenta nas distintas zonas xeográficas nas que se fala. Cada lugar presenta uns trazos lingüísticos característicos. Segundo como se distribúen, descríbense tres grandes bloques dialectais: occidental, central e oriental.

D. Variedades situacionais (ou diafásicas)

Son as modalidades de fala que escolle o falante segundo a situación comunicativa na que se atope: unhas veces de xeito espontáneo e outras de maneira máis formal.