E cada graíño de area conta. Aproveitamos, daquela, para facer a estrea dun divertido videoclip elaborado polos compañeiros e compañeiras de 3ESOA. Como traballo voluntario da terceira avaliación, fixeron esta versión do tema «Non me digas "te quero"» do youtubeiro Aquel-e. Parabéns!
martes, 17 de maio de 2022
O noso graíño de area no Día das Letras
sábado, 14 de maio de 2022
Ruta pondaliana 2022
O pasado 12 de maio, despois de dous duros anos de pandemia, por fin puidemos realizar unha saída didáctica. Neste caso, foi a «Ruta pondaliana», organizada entre os Departamentos de Lingua Galega e de Xeografía e Historia. Todos os grupos de 3ESO do Fogar saímos ás 8:30. O obxectivo: coñecer espazos singulares da comarca de Bergantiños a partir da lectura de distintos poemas de Eduardo Pondal.
O percorrido levounos ao Castro da Cidá de Borneiro, ao Dolmen de Dombate (con obradoiro de caza prehistórica incluído), á praia de Valarés (onde xantamos) e á contorna do Monte branco e da desembocadura do río Anllóns.
Temos que agradecer a colaboración dos guías e técnicos do Dolmen de Dombate e do Concello de Ponteceso, que nos acompañaron e axudaron nesta gran xornada de lecer e aprendizaxe sobre o terreo.
venres, 6 de maio de 2022
Apoiemos «Fuxide»!
Presentámosvos a curtametraxe «Fuxide», que Martín Ferrero, Adriana Otero e Gaia Perfini, alumnos de 4 ESO, presentaron ao concurso CINEMA NA ESCOLA 2022 organizado para centros escolares polo Concello da Coruña. Un gran traballo que contou coa colaboración dos profesores Juan Pintos e David Seisdedos.
Os críticos especializados comentan que a dirección está ao nivel dos mellores filmes de Alfred Hitchcock ou de Akira Kurosawa. E que dicir das interpretacións! Meryl Streep, Jack Nicholson, Cristina Castaño ou Luís Tosar xa teñen relevo de garantía.
O vindeiro xoves 12 farase entrega dos premios aos gañadores do concurso no centro cívico do Ágora. Alí acudirán os nosos rapaces para ver se obteñen algún galardón. Un dos premios, o do público, depende dos votos recibidos. Para poder apoialos co noso voto, cómpre entrar no vídeo de Youtube e darlle ao «like». Animádevos! Ben o merecen!
Parabéns, Martín, Adriana e Gaia!!!
martes, 3 de maio de 2022
O 17 de maio para Florencio Delgado Gurriarán
Este ano, o Día das Letras Galegas homenaxea o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Un autor que, a pesar de ter que coller o camiño do exilio tras a Guerra Civil (1936-1939), sempre viviu vinculado e comprometido coa súa terra natal e coa cultura galega. Para achegarnos á súa vida e á súa obra están a aparecer propostas didácticas de todo tipo pola arañeira. Aquí tes algunas.
- Proxecto Primavera das Letras, da Real Academia Galega (dirixido especialmente para Educación Primaria)
- Especial Letras Galegas 2022, da Real Acedamia Galega (dirixido a ESO e Bacharelato)
- Vídeo sobre a Vida e a Obra de Florencio Delgado Gurriarán, elaborado desde o Colexio San Pío X (de Ourense) e o Seminario Galán
- Telexornal Florencio Delgado Gurriarán, elaborado polo Departamento de Lingua Galega do CPI dos Dices, Rois.
- Web As Letras de Florencio, creada polos promotores da súa candidatura ao Día das Letras Galegas.
- Serie de recursos ordenados por etapas (Infantil, Primaria, Secundaria...) sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, elaborados polo Seminario Galán.
De seguido, un interesante vídeo no que o escritor Héctor Cajaraville nos fala da figura de Florencio Delgado Gurriarán.