luns, 26 de abril de 2021

[21DEG: Día 21] Como che vai?

Chegamos ao final de 21DEG. Parabéns! Fixéchelo de marabilla! Os obxectivos básicos están cumpridos: mellorar o nivel do teu galego oral a base de falalo e reflexionar sobre aspectos sociolingüísticos que tamén traballamos na aula (prexuízos lingüísticos, diglosia, castelanismos, lusofonia...). 

Adiante co derradeiro «Como che vai?»

—Como te sentes despois de completar o reto?
—Que actividades das propostas nestes 21 días che gustaron máis? Cales menos? Algunha suxestión?
—Pensas que despois de 21DEG falarás máis en galego ca antes?
—Se a experiencia se fixese de novo o curso que vén, repetirías? Por que?
—Animarías a outros compañeiros/as a participar nela? Por que?
—Que papel cres que xoga a xente nova no futuro da lingua galega?  

Parabéns de novo a todos e todas! Os primeiros pasos están dados. Como é sabido, o futuro dunha lingua depende de que a xente a fale, así de sinxelo. 

domingo, 25 de abril de 2021

[21DEG: Día 20] O reto: As adiviñas

Xa estamos no día 20 de 21DEG. «O reto» hoxe: xogar con adiviñas. Aquí che damos seis pezas. Tes que gravarte en dúas fases:

a) Le as adiviñas en voz alta e intenta ofrecer a súa solución. Pon a cabeciña a traballar! 



Adiviña 1
Quen me mira e me desfai,
ha de chorar máis por min
que chorou pola súa nai.
A cebola

Adiviña 2
Cae da torre embaixo e non rompe,
e cae dunha ponte e rompe.
O papel

Adiviña 3
Que será unha cousiña, cousa,
que entra por onde non entra un leirón
e garda a casa coma un león?
A chave

Adiviña 4
Teño follas sen ser árbore,
fáloche e non teño voz;
se me abren non me queixo,
adiviña ti quen son.
O libro

Adiviña 5
Que animal é 
o que anda cos pés na cabeza?
O piollo

Adiviña 6
Se queres saber de min
estou no medio do mar;
non son peixe, non son illa
e tampouco sei navegar.
A letra «a»

Ollo! Se ves que algunha se che resiste, pasando o cursor pola zona en branco debaixo cada adiviña atoparás as solucions.

b) A segunda parte do reto, aproveitando que estamos en fin de semana, debe facerse en familia. Grávate recitándolles as adiviñas túa nai, a teu pai, a un avó ou avoa, a un irmán ou irmá... Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). 

Xa sabes, todo nun mínimo de 3 minutos.

sábado, 24 de abril de 2021

[21DEG: Día 19] Como che vai?

Xa estamos no día 18 de 21DEG! Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.



Como vemos no seguinte vídeo, recentemente Salvador Sobral deu un concerto en Santiago. Alí referiuse a si mesmo como «galego do sur».


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


Escoita agora a interesante mensaxe que nos envía Isadora, alumna do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Realmente convida á reflexión o que nos conta.


Imos entón co «Como che vai?»
—Algo interesante que contar en relación con estes últimos días? Que esperas ter conseguido cando remate o proxecto? 
—Que opinas do feito de que Salvador Sobral gañase Eurovisión cantando en portugués?
—Cres que tamén podería chegar a ser gañadora unha canción en galego? Por que?
—Viaxaches algunha vez a Portugal ou a outro lugar de fala portuguesa? Resultouche alí difícil entenderte coa xente?
—Entendiches ben o que dixo Isadora? Que opinas dos seus diferentes comentarios: a súa boa adaptación a Galicia, o descoñecemento do galego no Brasil, o galego para a comunicación internacional?
—E sobre que ela fale de si mesma como «galega de alén do mar», igual que Sobral faino como «galego do sul»?

venres, 23 de abril de 2021

[21DEG: Día 18] O reto: Nin si nin non

Hoxe «O reto» é un clásico de 21DEG: «Nin si nin non». Xa sabes, ese xogo de lingua oral no que podes dicir todo o que queiras agás as palabras «si» e «non». Se as dis, perdes!



Sigue estas indicacións:

• Xúntate cun compañeiro ou compañeira de «21 días en galego».
• Un de vós fai preguntas e o outro responde.
• Poden ser de calquera tema. A única norma fundamental é que non se pode reponder nin «si» nin «non». E tampouco permanecer en silencio, obviamente.
• Cando se diga «si» ou «non», pérdese e trócanse os papeis. Quen preguntaba, responde; e quen respondía, pregunta.
• Así sucesivamente ata cumprir os 3 minutos. Gravade o xogo sen cortes.

xoves, 22 de abril de 2021

[21DEG: Día 17] Como che vai?


Hoxe, día 17 de 21DEG, toca un «Como che vai?». Para evitar preguntas e respostas repetitivas, ofrecémosche temas de conversa complementarios.

Un dos prexuízos lingüísticos máis difundidos é o da suposta «imposición do galego». É curioso que esta idea teña aceptación entre algunhas persoas cando moitos/as de vós xa tedes comentado que sendo galegofalantes de pequenos, a presión na escola fixo que vos instalásedes no castelán ata hoxe. Pero hai moitos outros datos, como vemos deseguido, que tirán abaixo esa falsa idea da «imposición do galego».


Son moitos os prezuízos que afectan á nosa lingua («a imposición do galego», «o galego íllanos ou limítanos», «o galego é de pailáns», «o galego non paga a mena porque é minoritario»....). Todos actúan como freos da recuperación do prestixio e dos usos dun idioma. Aquí tedes unhas pezas de humor gráfico coas que o debuxante Luís Davila pretende denunciar e criticar algúns deses prexuízos.

1

2

3

4

5

6

Imos agora coas túas reflexións do «Como che vai?»: 
—Como o levaches hoxe? Ves evolución no teu galego? 
—Máis alá do punto que supón na avaliación, que cousas positivas ves en 21DEG?
—Como ves a implicación no proxecto 21DEG entre os teus compañeiros e compañeiras? 
—Podes comentar agora os diferentes chistes de Luís Davila? Que cres que pretende expresar cada un?

mércores, 21 de abril de 2021

[21DEG: Día 16] O reto: Recitamos un poema


Levamos uns días falandos dos prexuízos. Rosalía de Castro, símbolo da nosa cultura e unha das poetas máis importantes do Romanticismo europeo, loitou desde moi nova por vencer outros prexuízos: Desde «As mulleres deben limitarse a ser amas de casa», ata «O galego non serve para cultura escrita».

Co reto de hoxe farémoslle unha homenaxe. Toca recitarmos o seu poema «Dende aquí vexo un camiño». Sigue estas pautas. 
—Le o texto previamente e procura comprender todo (consulta o vocabulario que non coñezas).
—Ensaia un par de veces a recitación antes de gravar.
—Grava a recitación coidando a vocalización e a expresividade.

Dende aquí vexo un camiño

Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n'o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunca máis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.
Feita a recitación fala do contido do poema. Que cres que quere expresar Rosalía nestes versos?  Como axuda, propoñémosche que repares no símbolo do «camiño». Escolle entre estas dúas opcións o valor deste símbolo no poema. Xustifica a túa resposta.
O «camiño» é símbolo... 
a) da tentación do descoñecido. É unha porta aberta á fantasía, ao misterioso e á aventura. 
b) da felicidade que lle está negada a Rosalía. Representa a imposibilidade de fuxir de si mesma e a dor ao saber que iso é imposible.

martes, 20 de abril de 2021

[21DEG: Día 15] Como che vai?

Xa estamos no día 15 de 21 DEG! De novo, tócache contarnos «Como che vai?». Antes de poñerte a gravar, convén que vexas un par de vídeos.

O primeiro é un fragmento dun informativo de La Sexta. Os reporteiros da cadea estatal fixeron «un exame de galego por equipos». Dun lado, anciáns do rural e, doutro, xente nova de cidade (en concreto, da Coruña). Todos debían traducir ao galego tres frases en castelán. O resultado, xa o podes imaxinar!

 

Como ves, o vídeo vén demostrar a ruptura na transmisión xeracional da que tanto falamos na clase. É dicir, esta curiosa proba de tradución vén exemplificar que Galicia, tristemente, é un dos poucos lugares do mundo onde os rapaces non falan a mesma lingua dos seus avós. 

Ben, isto ten unha vía de solución: os «neofalantes», é dicir, as persoas que se acaban de incorporar ao uso dunha lingua. Deseguido, preséntoche a xornalista coruñesa Belén Regueira: unha «neofalante». Como descubrirás na súa charla, Belén ata a mocidade só falaba castelán e despois comezou a falar galego. O que conta ten moita relación con conceptos estudados: diglosia, lingua minorizada, prexuízos lingüísticos, bilingüismo individual...


Agora, grava o teu vídeo, de polo menos 3 minutos, comentando cuestións como estas:
—Que tal levaches estas dúas semanas de reto? Houbo algún momento de «crise»? Por que?
—Segues con ánimos de seguir ata o final?
—Que che parece o vídeo inicial co «exame de tradución»? Que pensas de que moita xente nova non saiba falar a lingua dos avós?
—Belén Regueira fala, con exemplos da súa mocidade, das dificultades para arrincar como neofalante ou dos prexuízos que frean o galego. Que pensas do que di? Que che resultou máis interesante?
—Percibiches en primeira persoa algún prexuízo cara a lingua durante estes días? Como foi?


luns, 19 de abril de 2021

[21DEG: Día 14] O reto: O noso «Pasagalego»

Hoxe, día 14 de 21DEG, toca «O reto». E. con vós, o agardadísimo «Pasagalego» que, letra a letra, axudastes a crear. Parabéns a todos/as vós! E tamén ao noso produtor audiovisual, Martín Ferrero! Un fenómeno! O vídeo quedou de marabilla. Por certo, o logo de 21DEG deste 2021 tamén é deseño seu. Graciñas, Martín.

E agora a xogar. É moi simple, grávate mentres se reproduce o «Pasagalego» e vai dando as solucións que coñezas. Se ves que necesitas un chisco máis de tempo, podes facer un breve stop na reprodución. Finalmente, combroba, coas solucións, cantas acertaches e cantas non. E non fagas trampa, claro!

Quen o fará mellor de todos os participantes de 21DEG?

domingo, 18 de abril de 2021

[21DEG: Día 13] Como che vai?

Hoxe toca falar de Youtube e de «youtubeiros/as»; si, os youtubers de noso. Deseguido, dous vídeos para presentarvos un par de canles imprescindibles: PradoRúa (de María Prado) e O son das ideas (de Darío Lago). Se ademais vos gustan As bólas do dragón ou Shin Chan, non podedes perdelos.


A listaxe de Vlogs de Youtube en galego que, se cadra, vos poderían interesar, é moi ampla. Aquí vos queda unha pequena selección.

PradoRúa (educación, literatura, moda, maquillaxe, tendencias...)
O Son das Ideas (física, divulgación científica...)
O jato kósmiko (cultura, lingua, fútbol, videoxogos...)
Nubes baixo ti (libros, música, series de TV, fotografía...)
Un rapá transquilo FTM (lingua, cultura, transfeminismo...)
Naturiza (natureza, ecoloxía...)
Non vale furar (fútbol galego)
CousasRarismASMR (ASMR e outras cousas raras)

Vale, agora imos xa co «Como che vai». A falar, con sinceridade, cando menos 3 minutos.

— Como o levas? Algunha anécdota que contar?
— Imaxinabas antes de comezar 21DEG que sería así? Que expectativas tiñas? Estás contento/a de participar? Por que?
— Que che parecen os vídeos de arriba?
— Consomes moito Youtube? Que tipo de contidos visualizas? Por que?
— Coñecías algún dos «youtubeiros/as» que se mencionan arriba? Se botaches unha ollada, cal cres que che interesa máis? Por que?
— Imaxínaste como «youtubeiro/a»? Por que? Que tipo de contidos abordarías?

sábado, 17 de abril de 2021

[21DEG: Día 12] O reto: O videoclip


Estamos xa no día 12 de 21DEG. É sábado. Posiblemente teñas algo máis de tempo e poidas organizarte mellor. Propoñémosche un reto en grupo: gravardes un videoclip! A canción será «Non me digas "te quero"», do «youtubeiro» Aquel-e. Un trap que, ademais, nos servirá para perfeccionar o uso dos pronomes átonos. Todo son vantaxes!

Noutras palabras, debedes:
a) Aprender a canción.
b) Gravarvos cantándoa a xeito de videoclip.

Se me dis que me queres,
non me digas «
te quero».
Recorda que o pronome
vai despois do verbo...
Se xa non 
me desexas,
dime «non 
te desexo»,
que vai diante un pronome
porque hai un adverbio
de negación,
hai un adverbio.
Se tes problemas de colocación
cos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Ninguén me dixo que hoxe
ía haber rebolo.
Cando 
me vas chamar?
Vou volver
me tolo.
Tamén se
 adianta o pronome
se hai interrogativos
e o mesmo acontece
con algún indefinido,
indefinido,
indefinido...
Se tes problemas na colocación
dos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Para axudarche, propoñemos estas pautas.
—Ponte de acordo con alguén máis para colaborar na gravación: familiares cos que convivas, campañeiros/as de 21DEG...
—Se o facedes con familiares ou convivintes, é sinxelo: organizades unha gravación na casa.
—Se o facedes con amigos ou compañeiros dos 21DEG, propoñemos dúas opcións:
• Ben podedes quedar, se as restricións polo Covid o permiten, e gravar nalgún lugar, mais debe ser ao aire libre e con máscara todo o tempo.
• Ben podedes gravar cada un de vós a canción individualmente na casa e logo editar o vídeo a xeito de videoclip, mesturando vídeos de diferentes compañeiros/as de grupo. 
—Procurade sempre que se escoite a canción de fondo e tamén, de forma clara, a vosa voz.
—Poñédelle toda a CREATIVIDADE e HUMOR que queirades: crear unha coreografía, usar disfraces, amosar algúns letreiros con fragmentos da canción...

 

 

venres, 16 de abril de 2021

[21 DEG: Día 11] Como che vai?

Xa estamos xusto na metade do camiño. Hoxe é o día 11 dos 21DEG e toca un «Como che vai?» Mais antes, bota unha ollada a este vídeo.


Un dos prexuízos máis difundidos arredor do galego é que nos «illa do exterior», que só serve como «lingua doméstica», para «andar pola casa». 

Obviamente esta idea é falsa. Desde a Idade media, como vimos por exemplo aquí, a nosa lingua e a nosa cultura xa traspasaba fronteiras. Coa serie O sabor das margaridas, escrita e rodada en galego, temos outra boa proba disto. É a primeira serie escrita orixinalmente en galego que se publica en Netflix e pode verse en 180 países! De feito, foi unha das series máis vistas nesta plataforma en países como Reino Unido ou Irlanda.

Por certo, xa se estreou a segunda tempada, por se che interesa!

E agora a falar:
— Estamos na metade de 21DEG. Como o levaches hoxe? 
— Conseguiches falar todo o día en galego?
— Como ves a túa evolución despois destes 11 días de actividades?
— Que pensas do comentado arriba sobre se o galego nos illa ou non do exterior? Foi un obstáculo o galego para o éxito de O sabor das margaridas
— Gústache ver series de televisión? Coñecías O sabor das margaridas?
— Que tipo de series adoitas ver? Cales son as túas favoritas? Por que?
— Adoitas ver series no seu idioma orixinal e con subtítulos? Por que?

xoves, 15 de abril de 2021

[21 DEG: Día 10] O reto: Un chisco de humor


De novo, «O reto». Desta vez tócache desenvolver todos os teus dotes de narrador/a cómico/a. Mais antes, para te inspirar, escoita a Quico Cadaval, autor teatral, actor e contacontos de Ribeira. Este monólogo, titulado «Os coruños» é, se cadra, unha das mellores pezas cómicas orais creadas nunca na nosa lingua. E ademais tócanos moi de preto. Seguro que soltas unhas boas gargalladas!
 

Obviamente, non se che esixe que o fagas tan ben como Quico Cadaval. Simplemente debes gravar o teu propio monólogo de 3 minutos. Aí van unhas ideas. Podes:
• Contar algunha anécdota persoal ou familiar que resulte moi graciosa.
• Relatar algunha historia cómica que che contasen os maiores.
• Contar uns chistes (ollo!, non deben ser sexistas, nin racistas...).
• Combinar as opcións anteriores.
• En caso de que non chegues aos tres minutos, podes comentar tamén (se queres) o monólogo «Os coruños».
Antes podes ensaiar un chisco! Ánimo!

mércores, 14 de abril de 2021

[21DEG: Día 09] Como che vai?


Hoxe, día 9 dos 21DEG, toca un «Como che vai?». Mais, coma sempre, propoñemos un tema alternativo para que fales e poidas completar sen problemas o mínimo de 3 minutos. Hoxe toca a música.

Seguro que no teu tempo de lecer aproveitas para escoitar algo de música. Se cadra, non consomes moita música en galego. Sempre vén ben coñecer cantantes e grupos novos e, en galego, podes atopar música de todos os estilos e gustos. Aquí vai unha pequena mostra: desde o noise rock de Telephones Rouges ao trap de Boyanka Kostova; desde o pop de garaxe de Esposa aos ritmos latinos e blues de Sés; desde o rock alternativo de Ataque Escampe ao pop indie de Guadi Galego.

Telephones Rouges

Boyanka Kostova

Esposa

Sés

Ataque Escampe

Guadi Galego

Agora sóltate e a falar! Como é habitual, propoñémosche algunhas cuestións:
— Que tal vas co galego? Con quen adoitas falalo máis tempo? Cos compañeiros? Coa familia?
— Veste con ánimos para chegar ao final? Por que?
— Adoitas escoitar música? En que momentos?
— Cales son os teus gustos musicais?
— Escoitas algo de música en galego? Por que?
— Coñeces os músicos anteriores? Cal che gusta máis? Cal menos? Por que?
— Se cadra non é o teu caso, mais por que cres que en xeral se escoita moita máis música en inglés ou en castelán ca en galego?

martes, 13 de abril de 2021

[21DEG: Día 08] O reto: o karaoke


Hoxe a cantar! E tanto ten que se che dea ben, mal ou regular. O teu reto: cantar completa unha das cancións que seguen (en formato karaoke), por certo, de dous grupos coruñeses: «Como eu canto» de Sés e «Nordés» dos Diplomáticos de Montealto


Escolle a que queiras e a cantar! Se alguén máis (familia, amigos...) se anima contigo, mellor! Será máis divertido facer un dúo! Iso si, pode virche ben escoitala antes un par de veces.


luns, 12 de abril de 2021

[21 DEG: Día 07] Como che vai?









Arriba un polaco, unha xaponesa, un ucraíno, un húngaro e unha extremeña (do Val do Ellas, de fala galega). Só cinco exemplos dos centos de alumnos e alumnas que cada verán fan o curso «Galego sen fronteiras» en Santiago de Compostela. No ano 2017, por exemplo, participaron estudantes de 22 países. 

Como vemos, cada un coa súa orixe, cada un coa súa motivación. Algo que nos convida a reflexionar sobre o valor que nós, os galegos, lle damos á nosa propia lingua, tantas veces menosprezada. Como ben di unha das alumnas:
«A moitos galegos víñalle ben ver o que sucede cando unha persoa da India, da América e do Xapón se reúnen para falar en galego».
Agora a falardes vós. Polo menos, 3 minutos.
—Que tal o teu galego hoxe?
—Como levas estes días de experiencia? Algunha anécdota de interese?
—Que che gusta máis: cando toca «Como che vai?» ou cando toca «O reto»? Por que?
—Coñecías eses cursos de galego para estranxeiros? Que che parecen?
—Que pensas do interese e do aprezo polo galego que amosan xente doutros lugares?
—E que pensas do que din?

domingo, 11 de abril de 2021

[21 DEG: Día 06] O reto: Márcate un «Dígocho eu!»


Observa estes dous vídeos. Seguro que non das apreciado a diferenza entre o «Dígocho eu» orixinal e o de imitación. Ha! Ha! 

 


O reto de hoxe é que graves un «Dígocho eu» imitando os da xornalista Esther Estévez. Xa sabes, centránte na corrección dalgún erro común na lingua galega e fai un vídeo explicando como evitalo. Para inspirarte e collerlle o xeito, recomendámosche que visites a súa canle en Youtube. Dámosche unhas suxestións:
• Elixe un erro ou mellor varios que teñan algo en común.
• Investiga a forma ou formas galegas correctas que cómpre usar para evitar esa incorrección.
• Pensa na mellor forma de visualizar q cuestión. Por exemplo: se falas sobre os castelanismos *tenedor, *cuchara e *cuchillo e dis que cómpre usar garfo, culler e coitelo colle eses cubertos da cociña e amósaos para exemplificalo. 
• Ponlle toda a CREATIVIDADE e HUMOR que queiras: podes disfrazarte, poñer perruca, facelo na rúa, buscar un «axudante», editar o vídeo...
Xa sabes, intenta chegar aos 3 minutos e envía o teu vídeo.

sábado, 10 de abril de 2021

[21DEG: Día 05] Como che vai?


 
 
Se cadra, non coñecías a Xoana. Esta moza, apaixonada pola canción e polo galego, conta no vídeo anterior a súa relación coa lingua galega. Deseguido podes ver o videoclip dunha das súas cancións. 

 

Podes coñecela mellor visitando a súa web ou a súa canle en Youtube

Ben, hoxe día 5 de 21DEG, toca contar «Como che vai?». Tamén usaremos os vídeos anteriores para conversar. Lembra que o importante é que fales un mínimo de tres minutos.
—Estamos en fin de semana. Houbo moitos cambios nas túas rutinas? Que tal che foi hoxe co galego? 
—Éche máis doado desenvolverte en galego a fin de semana? Ou ao revés? Por que?
—Sentes o apoio dos que te rodean?
—Que che parece o que conta Xoana no vídeo inicial? Sénteste en algo identificado/a con ela? Por que?
—Gústache a súa música? Por que? 
—Xoana emprega a música para «derrubar muros que limitan o galego». A que cres que se refire? Cres que o conseguiu? 

venres, 9 de abril de 2021

[21DEG: Día 04] O reto: Os refráns


 

Como ves, o galego é un idioma ben rico en refráns. Se cadra, ti non coñeces moitos. Imos poñer a proba o teu enxeño e o teu coñecemento sobre o refraneiro galego. O xogo de hoxe consiste en:
• Enparellar o comezo e o remate dos seguintes refráns, que están desordenados. 
• Despois, debes explicar o significado de cada un, igual que fixeron no vídeo anterior.
Podes facelo, de forma individual; mais tamén, se tes alguén cerca que che poida axudar, podes intentalo en parella. E, lembra, grávao todo nun mínimo de tres minutos.

Adiante!





xoves, 8 de abril de 2021

[21DEG: Día 03] Como che vai?

Día 3 de 21DEG. Presentámosche dúas rapazas: Alba Rodríguez, teleoperadora, e Eira Losada, «youtubeira». As dúas decidiron contar as súas experiencias persoais nos LGx15, ciclos anuais de conferencias arredor da nosa lingua. Proceden, coma vós, de zonas urbanas; mais a súa relación co galego, desde pequenas, foi diferente.  

Escóitaas e descubrirás que teñen en común e como acabaron por converterse en «motores da lingua». 

 

Hoxe é día impar, comenta «Como che vai?» nun vídeo que dure, polo menos, tres minutos. Podes usar como orientación estas preguntas:

— Que tal foi hoxe o día? Conseguiches falar galego no cole? E na casa?
— Algunha anécdota interesante que comentar?
— Alba Rodríguez e Eira Losada contan a súa historia persoal co galego. Podes ti contar a túa? A túa familia é galega? Se é así, son da Coruña ou proceden doutro lugar? Falan en galego teus pais, teus avós? Cambiou algo na casa desde que comezou 21DEG?
— Que opinas do que contan as rapazas dos vídeos? Identifícaste ti en algo con elas? Por que?
— Como verías que houbese un «motor da lingua» entre os teus compañeiros/as? Quen podería ser? Veste a ti mesmo/a nese papel? Por que? 

mércores, 7 de abril de 2021

[21DEG: Día 02] O reto: Os trabalinguas


Neste vídeo o violoncellista estadounidense Rushad Eggleston improvisa poñéndolle música ao trabalinguas galego «Se vou a Bueu nun bou, vou. Se non vou nun bou, non vou».

Hoxe toca o primeiro reto desta edición de 21DEG. A xeito de quecemento para os días que quedan por diante, un clásico: os trabalinguas. Aquí tes cinco, ordenados por nivel de dificultade. Xa sabes, tes 3 minutos para gravalos todos, iso si, vocalizando correctamente. Serás quen de conseguilo??!!

Trabalinguas 1

Un can cun quinqué no cu.

Trabalinguas 2

Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa tinta pinga,
a pita pinta pía.

Trabalinguas 3

Porque sabes que che quero,
queres que che queira máis.
Quéroche máis que me queres.
Que máis queres? Queres máis?

Trabalinguas 4

Corchete que estás na corcheta,
desencorchetácheste xa?
O desencorchetador
que te desencorchete
bo desencorchetador será.

Trabalinguas 5

Gancho reviragancho,
que tanto revigarancheaches,
deixa que te desreviraganchee,
con este desreviraganchiño
que teño para desreviraganchear
ganchos reviragancheados
nas ramas do carballal.

martes, 6 de abril de 2021

[21DEG: Día 01] Como che vai?


Día 1 de 21DEG 2021! Comezamos! En cada edición, como sabes, tivemos a sorte de contar con diferentes padriños ou madriñas. Este ano a mensaxe de felicitación e de ánimo vén de parte de María Solar, presentadora de televisión e autora de Os nenos da varíola.

Nos días impares toca contar «Como che vai?». Así que hoxe, ao rematares o día, grava un vídeo de polo menos 3 minutos explicando como vai a experiencia. Se ves que non che é fácil, podes responder estas preguntas:

— Que che pareceu a mensaxe de ánimo de María Solar? 
— Comezaches con gañas a experiencia? Veste con ánimo de chegar ao final? 
— Xa sabes que é unha actividade voluntaria. Por que te animaches a participar?
— Conseguiches falar hoxe moito tempo en galego?
— Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
— Como reaccionou a xente ao teu arredor?

luns, 5 de abril de 2021

Mañá, martes 6 de abril, comeza 21DEG21!

Mañá comezamos coa V edición dos 21 Días En Galego do Fogar. Xa sabedes, ese reto persoal de manterse durante 21 días (e máis, se pode ser) falando en galego. Quen nos ía dicir que daqueles magníficos 15 voluntarios/as do 2017, iamos pasar no 2020 a organizar a actividade para todo o centro (en coordinación con 10 institutos públicos de toda Galicia).

2017

2020

Este curso volvemos ao formato orixinal, máis doméstico. Xa comentamos na clase en que consiste. Só lembrade que mañá, martes 6 de abril, comezamos. Lembrade, ao acordardes pola mañá xa toca «Bos días»!

Aquí vos deixamos as mensaxes de felicitación e ánimo de varios dos nosos padriños nestes anos. 

Álex Bergantiños (xogador do Dépor)
 

Manuel Núñez Singala (autor de O achado do castro)
   

Fernando Vázquez (exadestrador do Dépor)
 

Víctor Freixanes (presidente da Real Academia Galega)