sábado, 28 de novembro de 2020

Tópicos amorosos de onte e hoxe


O asunto amoroso é o eixo central das cantigas de amigo e das cantigas de amor. Nestas últimas, por exemplo, podemos recoñecer certos tópicos (ou campos sémicos) concretos:
  1. Loanza da dama: eloxio das virtudes físicas (fremosa, bon semellar, bon parecer...) ou morais da muller (boa, prez –valor–, mesurada –discreta–, bon falar...).
  2. Amor do poeta: expresión do sentimento amoroso do cabaleiro (amor, amar muito, querer ben...).
  3. Reserva da dama: refírese ao desdén, indiferenza ou rexeitamento da dama (non falar, ir-sesanhuda –rancorosa–, alongar –separarse–, desamar, fazer mal...).
  4. Coita de amor: sufrimento por amor do cabaleiro (coita, doo, penarsofrer, chorar, ensandecer –tolear–,  perder o sen –perder a cordura–, morrer...).
Aínda que nunca repararas nisto, estes tópicos, séculos despois, seguen a ser recorrentes en cancións de todas as linguas e culturas. Velaquí uns exemplos. Ollo!, todos en voz masculina, como as cantigas de amor.







Poderías atopar estes mesmos tópicos noutras cancións? Repasa as letras das cancións que che gusten, dá igual o idioma, e busca os fragmentos con algún destes mesmos tópicos. 

sábado, 14 de novembro de 2020

Os determinantes

               

Os substantivos comúns aparecen normalmente precedidos por palabras que os concretan (a casaaquela casa, a túa casa...), Estas son coñecidas como determinantes. Xa os estudiamos nas páxinas 134-137 do teu libro. Imos agora repasalos:


Dálle unha lectura ao apartado dos determinantes do teu libro (nas páxinas 134-137) e logo propoñémosche que participes nesta aventura interactiva. Ollo!, terás que anotar o número que se che ofrece ao superar cada serie de probas para poder descubrir a clave que abre a caixa do tesouro.

Adiante, a traballar... E ánimo!

xoves, 5 de novembro de 2020

Creamos textos argumentativos

 

O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 

Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:

Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.

De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
 
Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
 O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
 As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
 Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
 As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
 O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.