luns, 5 de xuño de 2017

«Amar pelos dois»


Máis alá de se vos gustan ou non as baladas románticas, o certo é que estamos de celebración! O portugués, nado do galego-portugués medieval, foi o idioma gañador no Festival de Eurovisión hai só un par de semanas. Unha canción sinxela cantada por Salvador Sobral, un mozo de Lisboa, na súa propia lingua venceu impoñéndose sobre outras supostamente máis «festivaleiras» cantadas, moitas delas, en inglés.


Agora que estamos a estudar en 3ESO o galego no ámbito da lusofonía, aquí vai o reto de hoxe: resolver un encrucillado feito a partir da letra de «Amar pelos dois». Fai clic na imaxe inferior e resolve este pasatempo en liña. Como axuda, podes escoitar e ler (aquí) a canción devagar e despois completar o encrucillado. Se queres apañar aínda algún positivo, podes imprimir a versión en PDF e entregar o pasatempo resolto antes do día do exame. Ánimo! 

venres, 2 de xuño de 2017

Así foi 21 Días En Galego 2017


21 Días En Galego rematou. Un grupo de alumnos e alumnas de terceiro da ESO afrontaron con éxito o reto de vivir tres semanas en galego. Uns conseguiron falalo máis tempo e outros menos, mais todos superaron o receo inicial a cometer erros ou ao «que dirán». E todos aproveitaron a súa actitude aberta e desprexuizada para mellorar a expresión oral.

Entregaron máis de 12 horas de gravacións. Nelas reflexionaron sobre diversos temas propostos e resolveron diferentes retos lúdicos (adiviñas, trabalinguas, recitacións, entrevistas...). De entre todo ese material, seleccionamos menos de 30 minutos que veñen resumir unha experiencia que pagou realmente a pena.


Un agasallo extra, o «Pasagalego» que preparamos para o alumnado do IES da Pobra do Caramiñal en resposta ao que eles nos ofreceron. Cantas palabras sodes quen de acertar?


Grazas mil a Diego Pampín, alumno de primeiro de Bacharelato, pola edición dixital dos vídeos. Todo un profesional! E un agradecemento especial a Mero, o noso padriño, e tamén a todas as familias pola súa complicidade e apoio.

E o ano que vén... máis!