sábado, 17 de maio de 2014

En galego, de 0 a 100

17 de maio, Día das Letras! E para celebralo, un dos traballos en formato dixital que prepararon os compañeiros de 1º de Bacharelato. Había moito onde escoller, mais de momento aquí vai esta primeira peza: «Instrucciones para aprender a hablar gallego». Adiante con este curso acelerado!



As alumnas Antía Quintá Gayoso e María Martínez Martínez prepararon esta adaptación do relato «Instrucciones para aprender a hablar gallego» de Made in Galiza, de Séchu Sende. Olliño industria de Hollywood, no Fogar reborda o talento!

«Instrucciones para aprender a hablar gallego» é un relato que nos fala das dificultades que algunhas persoas teñen para falar galego e de como superalas. Un relato que, cando menos, axuda a reflexionar. En relación con isto, tamén pode ser interesante que coñezades iniciativas como Obxectivo1DG. Seguro que non vos soa. Pícavos a curiosidade? Visitade aquí a Guía de Lectura de Made in Galiza elaborada pola profesora Pilar Ponte, lede en que consiste e animádevos!

venres, 9 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [2]



Tedes xeito co Karaoke? Que tal se vos dá iso de ler e cantar á vez? Animádesvos? 
A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
               Xosé María Díaz Castro
Versos luminosos de Diaz Castro musicados pola profesora de música Sandra Tenreiro e interpretados polo alumnado do IES de Guitiriz. Versos que nos falan da importancia de reparar nas cousas positivas mesmo cando todo parece ir mal.

Se queredes saber máis sobre este marabilloso poeta, aquí tedes unha chea de recursos: a web oficial, un xogo interactivo para Ed. Infantil, outro xogo para Ed. Primaria, unha canción...

E aquí, directamente, un cómic sobre a súa vida.

martes, 6 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [1]


Estamos xa no mes de maio e o Día das Letras Galegas está aí á volta. Xa saberás que este ano está dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, autor de pezas maxistrais como «Penélope», unha das máis fermosas definicións poéticas de Galicia.
Penélope
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
                             Xosé María Díaz Castro, Nimbos
Mini e Mero fixeron unha emocionante versión musicada deste poema. Aquí a tedes, interpretada por eles mesmos.


E se queredes saber algo máis sobre o homenaxeado deste ano, aquí queda unha magnífica presentación en prezi preparada por María José Martínez Paz, alumna de bacharelato do IES de Curtis (A Coruña).