A fala
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Manuel María
Un poema que nos fala do noso idioma, de nós e do noso lugar no mundo. Un poema que serviu para lle dar un título e un lema a este blog.
A través del intentaremos divulgar, coa vosa colaboración, todas
actividades e proxectos que se vaian desenvolvendo no Fogar arredor da
lingua e da literatura galegas.
Como ben di Manuel María,
coa nosa lingua podemos abrir o mundo: todas as portas, todas as
fiestras... E aí vai unha primeira proba: Queres traducir ao galego
calquera palabra ou texto en castelán, catalán, inglés ou francés?
Queres saber como se di nun deses idiomas algo que está en galego? Aquí
tes a ligazón de TradutorGalego, unha app gratuíta para dispositivos móbiles. Unha ferramenta de primeira, para un idioma de primeira, en pleno século 21.